PUNTO
DE INVESTIGACIÓN
REDONDELA
NA HISTORIA
ACCESO Á HEMEROTECA DO FARO DE
VIGO (1853-2018)
Co contrato realizado polo Faro de
Vigo para permitir o acceso da nosa veciñanza ós fondos da
hemeroteca do diario decano da prensa española, o Concello de
Redondela dá comezo e presenta a creación dos Puntos de
Investigación sobre Redondela na Historia.
Esta rede consta de tres puntos de
acceso:
-
Arquivo documental e Arquivo audiovisual do Concello de Redondela (Casa do Concello, r/ Alfonso XII, 2, Redondela Teléfono 986400300 arquivo@redondela.gal).
-
Biblioteca municipal Valle - Inclán (Paseo da Xunqueira, s/n, 36800 Redondela, Tfno. 986401561 bibliotecaredondela@redondela.gal.
-
Biblioteca municipal de Chapela (Camiño do Piñeiral, 22, 36320 Redondela, Tfno. 986 402 865 bibliotecachapela@redondela.gal).
Nestes tres puntos pódense atopar en
relación á Historia de Redondela:
.- Documentos: Os documentos
administrativos xerados e recibidos polo Concello de Redondela dende
o 1848 ata hoxe en día. Ordenados e clasificados no Arquivo
Municipal.
.- Fotografías: Fondos
audiovisuais dixitalizados, cedidos pola veciñanza. Coleccións
privadas de fotografías de paisaxes e xentes Redondela que debuxan
as imaxes da nosa historia. No Arquivo Municipal e no blog : https://arquivoaudiovisualredondela.blogspot.com.es/
.- Fondo local bibliográfico:
Fondos en diferentes soportes que tratan sobre o noso municipio e os
seus persoeiros, obras de autores locais e obras impresas na
localidade. Nas Bibliotecas do Concello (Redondela e Chapela).
A todas estas fontes primarias da
Historia, podemos engadir dende o 15 de Marzo do 2018, a posibilidade
de acceder á Hemeroteca completa do Faro de Vigo (1853-2018).
Deste xeito, dende o Concello de
Redondela preténdese completa-la visión da nosa Vila de Redondela,
engadindo o reflexo que na prensa escrita tivo ó longo dos anos.
Para investigar, para indagar ou simplemente para fedellar e
achegarse deste xeito ó noso pasado.
O acceso á hemeroteca do Faro de
Vigo realízase online, dende ordenadores habilitados nas propias
instalacións do arquivo e bibliotecas municipais. O acceso é libre,
pero deberase cubrir un impreso que será facilitado polas
traballadoras do servizo, para deixar constancia do uso do servizo.
A busca, grazas ó OCR
(Optical Character Recognition, Recoñecemento óptico de
caracteres) permite filtrar tódolos números do diario informativo
por termos concretos, pero tamén por datas. As traballadoras guiarán
e asesorarán ás persoas interesadas á hora de navegar e mergullar
por entre a historia dende o ano 1853 (nacemento do xornal) ata o día
de hoxe.
E por iso que nos poñemos en
contacto contigo: para dar a coñecer a nova ferramenta de
investigación e a actualización permanente das ferramentas xa
existentes. Por se puidera axudarte nos teus traballos, nas túas
inquedanzas ou na túa vida persoal.
O persoal das Bibliotecas e Arquivos
do Concello de Redondela mostrámonos disposto a axudarte en calquera
dúbida que en relación ó uso dos nosos servizos puidera xurdir.
Animámoste a indagar na Historia da nosa vila, a través das súas
fontes primarias ou secundarias, e abrimos as nosas portas (aínda
mais) para recibir as túas dúbidas, opinións e ideas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario