venres, 28 de xullo de 2017

TURISMO XENEALÓXICO

Neste mesmo mes, xurdía a nova en diversos medios de comunicación dunha nacente maneira de viaxar: 


Trátase de moverse polo territorio seguindo unha curiosa razón: descubrir as raíces dunha mesma. Voltar onde os nosos antepasados naceron, medraron... e de onde, nun momento determinado e por diversas causas, tiveron que marchar.

Nesta mesma semana, visitáronnos dúas persoas de diversas orixes, buscando as súas raíces.

Por unha banda, Eva veu de Jérez de la Frontera (Cádiz), pero tiña a súa orixe en Córdoba. E veu coa súa familia en busca das súas raíces. "A viaxe das orixes", chamoulle mentres os seus fillos sorrían. Estaban entre abraiados e felices: de vacacións e descubrindo cousas para eles doutros tempos moi, moi lonxanos (o libro do Padrón municipal de habitantes do 1920 pareceulles prehistórico e máxico). O avó de Eva, apelidado Fontán, nacera en Redondela no 1904, e emigrara a Sevilla e Córdoba, onde se namorou e construíu unha familia.

Por outra banda, Mariana viña de Rimini (Italia), pero as súas orixes estaban en Buenos Aires (Argentina). A súa avoa e a súa tía-avoa emigraran de nenas. Despois de buscar documentos no Arquivo, e xuntando a información dos documentos e fotografías que ela conservaba, foi quen de facer a súa árbore xenealóxica, coñecer a vila que fora orixe da súa familia, e mesmo reencontrarse cunha curmá segunda que vive, a día de hoxe, en Teis. Deste xeito soubo de que os seus bisavós casaran na Igrexa de Reboreda, que a súa nai emigrara de pequena, pero deixara atrás dous irmáns. Un deles, pai da curmá coa que se reencontrou, quedara en Redondela.

Mariana emocionouse ao conseguir a información. Chorou. Riu. E deu por marabillosa a visita a Galicia e a Redondela, ademais de todo, pola información conseguida. 

Atopar as túas raíces na mesma terra que anos atrás pisaran os teus antergos, debe de ser algo especial. 

No Arquivo do Concello de Redondela, esta semana, vivimos de primeira man o que contan as lonxanas noticias. Hai semanas en que o traballo dunha merece moito a pena.



Ningún comentario:

Publicar un comentario